Como non entender o Software Libre¶
Ideas erróneas comúns sobre o software libre, corrixidas.
A industria do software non pode seguir adiante se os programadores non cobran¶
Comecemos cun feito sinxelo: aos programadores de software libre gústalles que lles paguen e todos necesitan mercar algo para xantar nalgún momento.
Cando mencionamos software libre, referímonos a liberdade, non a prezo. De feito, podes pagar para obter software libre (ou software de “código aberto” 1), que logo podes estudar, modificar e copiar á túa vontade.
Como funciona? Podes pensalo do seguinte xeito: o software é só código, o código son só matemáticas. Unha vez que consideras o software como matemáticas útiles, unha linguaxe elaborada, non como unha propiedade ordinaria, non hai razón para restrinxir o seu uso por parte doutros.
Así como as matemáticas (onde ninguén reclamaría propiedade sobre unha ecuación), o software esixe un coñecemento avanzado para ser adaptado, mellorado e aplicado correctamente. Este é o lugar onde os desenvolvedores xeralmente xeran os ingresos: moitos clientes, sobre todo empresas, están dispostos a pagar polas actualizacións de seguridade regulares e as melloras no programa.
As empresas de software libre beneficiarse dun sistema de desenvolvemento moi descentralizado, cun gran número de contribuíntes voluntarios. Os ingresos dentro da industria de software libre poden ser menores que no sofware propietario, pero non son de ningún xeito insignificantes. Ao final, os usuarios individuais, xeralmente acaban usando software libre sen ningún custo.
Co software libre non se trata de eliminar os incentivos para os programadores. Trátase de ver o código como o coñecemento que non debe ser escondido do usuario. Funciona con un modelo de negocio diferente, no que xa funcionan moitas empresas.
A innovación morre no software libre¶
A percepción común é que, se todos poden copiar ideas, a innovación será sufocada.
De feito, a liberdade adoita ser a chave para un software innovador e exitoso.
- A calquera se lle permite e anima a traballar nel;
- Moitas persoas están dispostas a participar;
- Non é necesario reinventar todo, as ideas poden ser melloradas directamente.
O software non propietario destaca en diversas áreas: considere, por citar só algúns:
-
Android (AOSP)
A base de código aberto para o sistema operativo móbil máis usado do mundo.
-
Bitwarden
O xestor de contrasinais de código aberto e fiable para todos os teus dispositivos.
-
Blender
O conxunto de software de código aberto todo en un para modelado 3D, animación, renderización e efectos visuais.
-
Chromium
O motor de código aberto que está detrás de Google Chrome, Microsoft Edge e Brave.
-
Docker
O estándar da industria para a contedorización, que permite que as aplicacións se executen en calquera lugar.
-
Element
O cliente insignia de colaboración segura e descentralizada para a rede Matrix.
-
Firefox
A principal alternativa centrada na privacidade aos navegadores baseados en Chromium.
-
Git
O sistema de control de versións estándar da industria creado polo pai de Linux.
-
LibreOffice
O paquete ofimático potente, gratuíto e de código aberto, compatible con todos os formatos de documentos principais.
-
PostgreSQL
Coñecida como a base de datos relacional de código aberto “máis avanzada do mundo”.
-
Python
A linguaxe máis popular para IA, ciencia de datos e scripts en xeral.
-
Signal
O patrón ouro para a mensaxería cifrada de código aberto.
-
Thunderbird
O cliente de correo electrónico gratuíto e de código aberto deseñado para a privacidade e a liberdade.
-
VLC Media Player
O reprodutor multimedia “que reproduce calquera cousa” que segue a ser un elemento básico en case todos os sistemas operativos.
-
Visual Studio Code
O editor de código máis popular do mundo.
O software debería simplemente funcionar¶
Calquera persoa debería preocuparse de se o seu software é libre.
Imaxina mercar un coche cuxo capó che está prohibido abrir. Non importa se sabes como funciona un coche: a cuestión é que ninguén poderá comprobar o motor. Como podes confiar no teu coche se ninguén ten permiso para asegurarse de que sexa fiable, de que non teña fugas ou de que non sexa prexudicial para a sociedade nin para o medio ambiente?
A idea é a mesma co software, agás que o código fai moito máis que mover coches. O software fai funcionar os nosos ordenadores, teléfonos, televisores, reprodutores multimedia e moito máis, transportando información e a nosa cultura.
O software libre é tan importante como a liberdade de expresión, como un mercado libre. Se o software é libre, os usuarios teñen liberdade e control sobre el.
As boas novas son: o software libre tamén simplemente funciona. E, de feito, a miúdo simplemente funciona mellor. Insire unha memoria USB GNU/Linux activa no seu ordenador ao iniciar, para probar un sistema completo e ben organizado, sen instalación, para que poida xulgar por si mesmo.
O software libre non respecta o software protexido por dereitos de autor e patentado dos autores¶
Para responder a isto correctamente, hai que facer primeiro unha clara distinción entre os dereitos de autor e patentes. O copyright é un dereito concedido ao autor sobre a súa creación (por exemplo, o texto dun libro, ou o código fonte dun programa). Unha patente, por outra banda, é algo adquirido, o control exclusivo rexistrado durante un proceso, a aplicación dunha idea.
Os dereitos de autor son moi importantes no software libre. É o mecanismo central da Licenza Pública Xeral de GNU, que garante que o software libre siga sendo libre e que os autores sexan recoñecidos polo seu traballo. Os programas están protexidos por dereitos de autor, sexan libres ou propietarios.
Calquera autor de software propietario pode facilmente comprobar que o seu dereito de autor non foi violado nunha aplicación de software libre, xa que o seu código fonte está dispoñíbel.
As patentes no software, por outra banda, son un concepto moi controvertido. En resumo: non existe o “software patentado”. Non obstante, ao rexistrar unha patente, alguén pode reclamar a propiedade dun proceso. A patente aplícase entón a todo o software que emprega este proceso, xa sexa propietario ou libre.
Patentes de software:
- Son caras e son concedidas transcurridos varios anos despois da súa solicitude;
- Están limitadas xeográficamente (unha patente concedida nos EUA, non ten vixencia en Europa);
- Teñen longos periodos de vixencia (xeralmente, 20 anos) nun sector que avanza de xeito moi rápido;
- A miúdo aplican procesos totalmente triviais.
Como tales, non se soen utilizar en beneficio das persoas que innovan (de feito, en raras ocasións son utilizadas polos propios innovadores).
Pódese dicir con seguridade que calquera software de tamaño medio viola as patentes en varios países, sexa gratuíto ou non.
Dependendo da capacidade que teña a compañía titular da patente para cubrir os altos custos legais, poderá aplicar restriccións e regalías sobre ditas patentes.
Ler máis:
O software libre é coma o comunismo¶
Os partidarios desta idea argumentan que non pode haber propiedade privada con software libre (ou de “código aberto” 1). Respondamos a isto cun exemplo.
Imaxiemos que utilizas un aplicativo que é software libre, na túa casa e no traballo. Atopas un xeito de mellorar o seu rendemento, polo que coa nova versión modificada, o teu ordenador funciona mellor e executa as tarefas o dobre de rápido!
Esta versión modificada é a túa propia versión. Non tes a obriga de contarllo a ninguén, nin tampouco de compartir os beneficios que obtiveches usándoa. Simplemente estás a exercer a túa liberdade de usar e modificar software libre.
O que esixe a licenza de software libre é que se redistribues este software, debes mantelo libre. É dicir, se vendes CD co teu software ou comezas a permitir que persoas alleas á túa casa ou empresa o usen, debes:
- Concederlles a todos eles os mesmos dereitos que obtiveches do software orixinal, isto é, a liberdade para estudalo, modificalo e distribuír a versión modificada;
- Ou senón, separar de xeito claro o código orixinal das túas modificacións (ou sexa, que os teus cambios non conteñan ningunha peza do traballo orixinal).
Entón, de feito, tes máis “propiedade” sobre o software libre que sobre o software propietario, onde o programador decide todo o que podes e non podes facer co software.
O software libre non ten nada que ver cun sistema político. Podes executar software libre sobre software propietario, igual de ben que viceversa. A licenza de software libre é simplemente un contrato legal e ético entre o programador e o usuario final.
O software libre non pode ser seguro¶
O argumento soe ser que debido a que o código fonte do software libre está dispoñíbel, é menos probable que sexa seguro.
Resposta curta: A maioría de servidores executan software libre. Son os equipos máis importantes das redes, e soportan información sensible e confidencial, tales como contas bancarias ou segredos industriais.
Unha resposta máis precisa é que a dispoñibilidade do código fonte é unha garantía de seguridade, non unha debilidade. A liberdade do software garante que poida ser inspeccionado, probado e mellorado por unha comunidade moi ampla. Un bo peche é seguro porque a tecnoloxía empregada para deseñalo é aberta, aínda que só o posuidor da chave pode abrilo. O mesmo ocorre co software.
Necesitas exemplos? Bótalle unha ollada ao navegador web Firefox, ao servidor web Nginx, ao sistema de cifrado OpenPGP ou ao sistema operativo OpenBSD. E non hai spyware nin virus en GNU/Linux.
Estou só co software libre¶
Nada diso.
-
Se estás a buscar boa documentación e foros de soporte que che axuden, hai moito software gratuíto (“de código aberto”) dispoñíbel. Cada distribución de GNU/Linux ten a súa propia comunidade (por exemplo, Ask Ubuntu ou Ask Fedora), pero tamén hai comunidades de axuda xerais de GNU/Linux, como Unix & Linux Stack Exchange.
-
Se precisas axuda ou tes algunha pregunta, podes unirte á comunidade en tempo real usando a rede Matrix. Matrix é unha plataforma de comunicación moderna e doada de usar que che permite chatear con outros usuarios e desenvolvedores directamente desde o teu navegador web ou unha aplicación móbil.
As seguintes ligazóns guiaránche sobre como unirte ás salas de chat oficiais onde podes solicitar asistencia técnica e coñecer á comunidade:
-
Todas as principais distribucións de GNU/Linux ofrecen axuda (de balde) a través de listas de correo:
-
Se precisas alguén con quen poidas contactar por teléfono en calquera momento para que che axude, as empresas que están detrás da maioría das distribucións ofrecen soporte comercial: consulta Consultores de Debian, Soporte comercial de Ubuntu ou Red Hat Enterprise Linux por exemplo.
Lecturas adicionais na web
-
Aquí é onde comezou todo o software libre. Atoparás unha gran cantidade de información sobre a filosofía do software libre, a historia do proxecto e as posturas adoptadas pola Free Software Foundation (a organización detrás de GNU).
-
O concepto de software Libre / de Código Aberto presentado dun xeito moi lexible e amigable. De lectura obrigatoria.
-
Software Libre e Coñecemento Libre
Un artigo interesante do cofundador da Wikipedia Jimmy Wales, que mostra as conexións entre a liberdade no software e o coñecemento libre.
-
O que aquí chamamos “software libre” tamén se adoita chamar “software de código aberto”. Na práctica, os requisitos son idénticos, aínda que, como o termo “aberto” non evoca a liberdade, perde o punto central. Lea a nosa entrada de preguntas frecuentes: Son “código aberto” e “software libre” o mesmo?. ↩↩